Espolio

Hai situacións mínimas, estragadas polas inmensas sensacións das angueiras

ti estabas tamén alí pero algo impedía que foses importante

Estabas fóra da precisión coa que nos alerta a atención

Non tiñamos unha orde ao mostrarnos

non eramos seres autónomos

aínda non

quizais nunca fomos os autómatas que soñamos

 

Vexo que todo na horta agroma coma un cancro ou unha primavera

Traballamos arreo para deter o tempo na estampa que precisa o soño da resilencia

Estou canso, moito, tanto coma ti ou os abellóns que se fartan da flor da paixón

 

Hoxe é un día que mestura as memorias doutros

nos que a nosa vida estaba esgotada

e so eramos vixías

sen voz de alarma

no espolio

Abril ese mes

Let the seasons begin, take the big king down.

Elephant gun, Beirut

Mentres con cincuenta anos estudo os fascismos

que foron e os que non

ela traballa na horta infatigable

cada póla que corta, coloca e prepara

mentres a miro con cincuenta anos

algo québrase na absoluta indefensión ante o mundo

e necesito como nunca

como nunca precisou o lume do osíxeno

abril ese mes

no que hai que amañar a terra

ficción

a emoción de contemplar o futuro

coma un torrente infinito de presentes

onde cada forza que nos delimita acaba desaparecendo

tras un simple aceno

tras unha opción

do sistema de escollas

desfacer repetir compartir

calquera interludio, compilación ou espera é obviada

da inmediatez do sono ao tempo exacto da emoción

anomia

os poemas idiopáticos

por riba dun furacán con nome

na viscosa neve de xuño ou no futuro

os versos achados na finxida invernía do planeta

alguén tiña que acertar na tremente vea

percorrela a contrasentido

facendo exacta a vertixe

da intolerancia ambiental