Abril ese mes

Let the seasons begin, take the big king down.

Elephant gun, Beirut

Mentres con cincuenta anos estudo os fascismos

que foron e os que non

ela traballa na horta infatigable

cada póla que corta, coloca e prepara

mentres a miro con cincuenta anos

algo québrase na absoluta indefensión ante o mundo

e necesito como nunca

como nunca precisou o lume do osíxeno

abril ese mes

no que hai que amañar a terra

Advertisements

ficción

a emoción de contemplar o futuro

coma un torrente infinito de presentes

onde cada forza que nos delimita acaba desaparecendo

tras un simple aceno

tras unha opción

do sistema de escollas

desfacer repetir compartir

calquera interludio, compilación ou espera é obviada

da inmediatez do sono ao tempo exacto da emoción

anomia

os poemas idiopáticos

por riba dun furacán con nome

na viscosa neve de xuño ou no futuro

os versos achados na finxida invernía do planeta

alguén tiña que acertar na tremente vea

percorrela a contrasentido

facendo exacta a vertixe

da intolerancia ambiental

manual mínimo para saír da merda

descende

polos estratos que están a simular un inferno

descende

na aparencia do aceite sobre a auga

deixando múltiples e brandas tensións de superficie

esnaquizadas

descende

na esperanza da lente sobre a descomposición da luz

abertamente

na fricción da conexión nerviosa

na asfixia sobre os ollos atoados

recto

descende

e mira como as mans non poden máis que desprezar o baleiro