a agulla

entregar toda a debilidade coma unha coartada

debullar cruelmente nas deshoras a aprendizaxe da dor

entregar repetidamente toda a debilidade ao eco

como un berro de rabia crónico

cravar a agulla

sen todo o veleno

nunca

a interrogación

o contido atómico do espazo cósmico

a mensaxe: esa produción de materia escura: esa luz: que non viaxa: que non chega

soa, vibra coma outra ética

a do momento impreciso do impulso que non é capaz de achegarnos a

a do plasma que non é quen de alimentarnos con

a que non é máis que a interrogación elemental

constante

masiva

sen rozamento

A natación

un azul na tristeza

da liberdade

a ciencia polas veas Tulp

a lección do baleiro absoluto

do frío absoluto

percorrido de arames

 

Queriamos cruzar un estreito por xurarmos algo

por encher o mar de tempo

Queriamos ter a datación exacta

en calquera calendario estelar

 

Nadar na sede: figurarnos que o pruído dos ollos era de sono e non de salitre